A investigadora Nuria Carmona Ule, pertencente á Unidade Mixta Roche-CHUS, desenvolverá a súa tese sobre nanotecnoloxía grazas ao programa de axudas predoutorais para a realización de teses de doutoramento do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS).

Esta mañá, a presidenta do padroado da Fundación IDIS, e xerente da área sanitaria de Santiago, Eloína Núñez, a directora da Fundación IDIS, María Gómez-Reino e o director científico do IDIS, José Castillo deron a benvida ao grupo de investigadores que na súa meirande parte incorporaranse oficialmente a principios de 2019.

 A tese desta investigadora da Unidade Mixta Roche-CHUS, titulada A nanotecnoloxía como ferramenta para xerar novos sistemas con aplicabilidade en oncoloxía traslacional, estará composta por dous obxectivos principais.

 Por unha banda, a xeración de estratexias innovadoras baseadas en nanotecnoloxía para a súa aplicación en illamento e cultivo de Células Tumorais Circulantes (CTCs) creando un sistema que permita illar e favorecer o cultivo das devanditas células nun mesmo dispositivo. E por outra, o desenvolvemento de sistemas de diagnóstico baseados en nanopartículas con propiedades ópticas para detectar material tumoral circulante ex vivo.

O proxecto, no seu conxunto, enmárcase no obxectivo principal da Unidade Mixta Roche-CHUS que consiste no desenvolvemento de solucións innovadoras para mellorar o diagnóstico, tratamento e monitoraxe do cancro de próstata e mama.

A captación e formación de investigadores é un obxectivo primordial para alcanzar a excelencia e neste sentido o IDIS conta, desde o ano 2011, cun programa propio de captación de talento para a realización de teses doutorais no marco dos grupos de investigación do instituto. Esta iniciativa, que ten por obxectivo a formación de investigadores en Biomedicina e Ciencias da Saúde, realízase en réxime de publicidade, obxectividade e concorrencia competitiva.

Cada ano intégranse 5 novos investigadores predoutorais cun contrato de 3 anos de duración. Desta forma o instituto aposta así polo capital humano como alicerce básico para potenciar as liñas de investigación e darlle pulo á valorización e transferencia dos resultados.

A gran produción dos grupos de investigación que traballan nas principais áreas sanitarias, sumado á forte capacidade de obtención de recursos en convocatorias competitivas de recursos humanos, converten ao IDIS nun forte atractivo para a captación de talento.