María de la Fuente Freire, licenciada en Farmacia pola Universidade de Santiago de Compostela (USC, 2001), realizou a súa Tese de Doutoramento no Departamento de Farmacia e Tecnoloxía Farmacéutica na mesma institución (2001-2006), na área de nanomedicina e terapia xénica. Durante esta etapa, foi beneficiaria de dúas bolsas de formación predoutoral, en primeiro lugar da Xunta de Galicia (2001-2002), e a continuación do Ministerio de Educación, bolsa FPU (2002-2006). Realizou así mesmo dúas estadías de investigación, no Instituto de Oftalmoloxía Aplicada da Universidade de Valladolid (IOBA, 2003), e na Universidade de Kuopio, Finlandia (2004). Os resultados da súa tese de doutoramento deron lugar á obtención do doutorado con acreditación de Doutorado Europeo, e o seu traballo foi galardoado co Premio á Mellor Tese de Doutoramento “III SPLC-CRS and Eudragit Ph.D. Thesis Award”. Ademais, xerou varias patentes que formaron parte da propiedade intelectual que deu lugar á fundación da división de nanomedicina de Advancell S.L., no ano 2004.

A súa formación posdoutoral deu inicio na USC (2006-2007), no marco dun proxecto dirixido á inhibición de procesos de invasión e metástase mediante a aplicación de terapia xénica e nanotecnoloxía. Ao rematar este proxecto, trasladouse a Londres (School of Pharmacy, University College of London, 2007-2011), participando no desenvolvemento preclínico de formulacións nanoparticulares, e na avaliación de novas dianas e moléculas terapéuticas, para o tratamento de tumores caracterizados pola súa alta agresividade (2007-2010). Ademais, entre 2008 e 2010 foi adxudicataria dunha bolsa de investigación por parte da Fundación Alfonso Martín Escudero. Parte do seu traballo durante esta etapa fai parte da tecnoloxía propiedade da spin-off Nanomerics Ltd. O seu regreso a España veu da man da Asociación Española Contra el Cáncer, ao resultar beneficiaria dun Contrato para Investigadores en Oncoloxía na convocatoria do ano 2010.

No ano 2013, a Dra. de la Fuente conseguiu, mediante concorrencia competitiva, un contrato Miguel Servet, co-financiado polo Instituto de Salud Carlos III (ISCIII) e o Servizo Galego de Saúde (SERGAS), cuxa finalidade é incorporar doutores e as súas liñas de investigación translacional a hospitais públicos. Coa súa liña de investigación en nano-oncoloxía, nanoteranóstico e terapéutica translacional, para combater procesos de diseminación tumoral e metástases, integrouse no Grupo de Oncoloxía Translacional, onde dirixe o laboratorio de Nano-oncoloxía e xestiona persoal propio.

A actividade científica da Dra. de la Fuente resúmese en máis de 35 publicacións en revistas de alto impacto, libros e capítulos de libro. Participa en varios consorcios europeos, e é investigadora principal de dous proxectos con financiamento nacional (ISCIII).

No laboratorio de Nano-oncoloxía, traballan na actualidade a investigadora principal e catro investigadores en etapa de formación predoutoral. Ademais, participamos na supervisión de traballos fin de grao e fin de máster, e recibimos investigadores visitantes procedentes doutras institucións.

Descargar PDF