Dous grupos do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS) participaron nun estudio para atacar con éxito o cancro de mama triple negativo, considerado como moi agresivo e cun alto índice de recidivas.

Ángel Díaz Lagares, codirector da Unidade Epixenómica do IDIS e primeiro asinante do traballo, resalta que «identificamos unha alteración epixenética que permite seleccionar as doentes con cancro de mama triple negativo que van responder favorablemente ó tratamento con quimioterapia. Esta análise fixémolo nas mostras de biopsias das doentes, antes do tratamento. De maneira que, analizando estas alteracións, podemos saber si as doentes van responder á quimioterapia ou non».

O investigador de Oncomet sinala que a epixenética «é un sistema que ten a  célula para controlar o funcionamento dos nosos xenes sen modificar o noso ADN. Actúa como un interruptor da luz, e é capaz de activar a función dos xenes ou facer que no funcionen». O mecanismo polo que controla o funcionamento dos xenes denomínase metilación: «Ocorre de maneira normal nas nosas células e se altera en determinadas enfermidades como o cancro. Nesta investigación analizamos alteracións, como aparecen esas metilacións en xenes onde non deberían estar presentes».

O obxectivo agora é ampliar a investigación a máis doentes «para confirmar os resultados e que poida chegar este avance ós hospitais como unha ferramenta habitual de análise, para saber se as doentes van responder ó tratamento». Ademais, propóñense comprobar se se poden facer as análises mediante biopsia líquida, por ser un método menos invasivo.

Os resultados desta investigación, na que tamén participaron Ana Belén Crujeiras, do IDIS; Manel Esteller, do Instituto de Investigación Biomédica de Bellvitge (Barcelona); e Pilar Eroles, do Instituto de Investigación Sanitaria de Valencia, foron publicados na revista Clinical Epigenetics.