Investigadores do grupo Oncomet (IDIS), liderado polo Dr Rafael López, pertencentes á Unidade Mixta Roche-CHUS e á Unidade de análise de Biopsia líquida de Santiago de Compostela, en colaboración con investigadores do departamento de Anatomía Patolóxica del CHUS, do Hospital Universitario Arnau de Vilanova (Lleida), da USC e da Universidade de Edimburgo, desenvolveron por vez primeira un xenoinxerto a partir de CTCs obtidas do sangue dunha doente con cancro de mama triple negativo.

A demostración de que é posible xerar estes modelos experimentais utilizando biopsia líquida de doentes con tumores triple negativos abre unha nova vía de investigación que pode xerar resultados altamente interesante para oncólogos e doentes na loita contra esta enfermidade altamente agresiva, xa que ofrece información única sobre a bioloxía destes tumores. O traballo deste equipo de investigadores foi publicado no International Journal of Cancer  o pasado mes de novembro.

“Para levar a cabo este estudo, as CTCs illadas dunha doente con cancro de mama triple negativo metastásico foron inxectadas subcutáneamente nun rato inmunodeprimido”, sinala Clotilde Costa, responsable da liña de biopsia líquida da Unidade Mixta Roche-CHUS e do estudo. “Estas células demostraron ter capacidade tumorixénica e deron lugar ao desenvolvemento dun tumor en varios ratos. Os tumores xerados nos ratos analizáronse mediante a técnica de RNA-seq e comparáronse cos datos da mesma análise no tecido da doente para conseguir ter unha visión máis profunda dos cambios moleculares que sofren as células tumorais con capacidade de formar metástase”, explica a responsable do estudo.

A partir destes resultados os investigadores consiguiron identificar marcadores tumorais con valor pronóstico e potenciais dianas terapéuticas que se validaron nas CTCs illadas de 32 doentes con cancro de mama triple negativo.

“Analizamos a expresión deses marcadores en CTCs das doentes e observamos que a súa expresión estaba aumentada en comparación a donantes sans, identificándose ademáis un marcador pronóstico, MELK, unha proteína quinasa involucrada en varios procesos, como a regulación do ciclo celular, a renovación das células madre e a apoptosis (morte celular programada)”, sinala Clotilde Costa.

Segundo a responsable do estudo, “o uso de modelos animais preclínicos é unha ferramenta moi prometedora no mundo da oncoloxía. A xeración de xenoinxertos derivados de humáns (trasplante de material tumoral humán a un animal, rato por exemplo) é realmente útil para entender a bioloxía e evolución dos distintos tipos de tumores”.

Tradicionalmente estes xenoinxertos xenéranse a partir de tecido tumoral e tan só uns poucos grupos de investigación, como este caso, conseguiron xerar estes modelos a partir das células tumorais circulantes (CTCs).

Cancro de mama subtipo triple negativo

O cancro de mama de subtipo triple negativo caracterízase por ser un tumor altamente agresivo e non dispoñer de tratamentos dirixidos específicos, sendo a estratexia terapéutica habitual o emprego de quimioterapia. Un dos motivos polos que non hai dianas moleculares específicas para tratar este subtipo tumoral é o descoñecemento dos mecanismos claves para a formación e evolución da enfermidade. Por todo elo, a día de hoxe consiérase prioritario o desenvolvemento de estudos que axuden a avanzar no coñecemento da bioloxía destes tumores.

Este estudo foi financiado pola Axencia Galega de Innovación co apoio da Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia, polo Instituto de Salud Carlos III, polo Centro de Investigación Biomédica en Red Cáncer (CIBERONC), FIDIS e a Unidade Mixta Roche-CHUS.

Unidade Mixta Roche-CHUS

A Unidade Mixta Roche-CHUS é unha iniciativa público-privada da empresa Roche Farma España e o grupo de Oncoloxía Médica Traslacional do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela –IDIS.

O obxectivo desta Unidade é o desenvolvemento de solucións innovadoras para mellorar o diagnóstico, tratamento, avaliación e monitorización do cancro de mama e próstata de xeito individualizado. Céntrase no estudo de procesos metastásicos, coa finalidade de obter resultados con aplicación clínica maximizando as posibilidades de que a investigación revirta no Sistema de Saúde no menor tempo posible. Deste xeito preténdese mellorar as expectativas e calidade de vida dos doentes a través da oncoloxía de precisión.